venres, 31 de marzo de 2017

Xa queda pouco

Comezamos o día coñecendo a lenda de Tardo, un trasno moi peculiar do que nos falou Adrián, e a Pinchito II, o ourizo de Anxo. E rematámolo vendo a peli dos Pitufos que trouxo Lucas. Xa queda moi pouco para as vacacións. Boa fin de semana!

xoves, 30 de marzo de 2017

Que será, será?

Hoxe Xoel veu cargado de adiviñas. Velaquí algunhas delas:

mércores, 29 de marzo de 2017

Emigrantes

Dicen que te vas, te vas
xa te puideches ter ido.
Se te foras fsi un ano
xa me tiñas esquecido.

Achega de Tomé ao noso fondo particular de tradición oral.

martes, 28 de marzo de 2017

Eva, o trasno e o ameneiro

Esta mañá rematamos a lectura deste fermoso conto, que xa iniciaramos a semana pasada co gallo da celebración do día da árbore. Gustounos moito e por riba tivemos a sorte de poder levalo para á casa, xa que había un exemplar para cada un.

luns, 27 de marzo de 2017

Comezamos!

Comezamos hoxe coa divulgación das nosas "recollidas". Neste caso, foi a quenda de Lúa, quen nos cantou esta fermosa copla que lle aprendeu a súa avoa, quen -á súa vez- xa aprendera da súa, cando ían co gando. Canto imos aprender!

venres, 24 de marzo de 2017

As estacións do ano

Na última hora do día representamos coa axuda da plastilina a evolución dunha árbore durante as catro estacións do ano.
Pasade unha boa finde, descansade e o luns vide con ganas de portarvos un pouquiño mellor. 😉

xoves, 23 de marzo de 2017

Rico mel

Velaquí tedes un anaco dun dos panais que emprega o avó de Anxo para elaborar, coa axuda das súas abellas, ese mel tan delicioso que tanto nos gusta a moitos de nós.

mércores, 22 de marzo de 2017

Como anda o tempo?

Hoxe, día internacional da auga, andamos a falar do tempo, empezando polo refraneiro - fonte inesgotable de sabedoría-. Estes son os refráns que trouxeron Antón, Noa López e Tomé.

martes, 21 de marzo de 2017

Moito que contar

Hoxe temos moito que contar:
En primeiro lugar, ao chegar ao cole fumos ao comedor onde nos agardaba a tía Enriqueta e uns rapaces moi simpáticos que nos falaron da importancia de que os nosos almorzos sexan sans, equilibrados e nutritivos; despois, comprobámolo comendo froita, leite e cereais.



Despois do recreo e xa de volta na aula, amosamos os debuxos que fixeramos onte inspirandos nesta coñecida melodía e explicamos aos demais o porqué dos mesmos. Foi curioso comprobar como a mesma melodía motivara en nós debuxos tan diversos. Finalmente, Álvaro descubriunos que esta fermosa música titulábase "A primavera" e que fora composta fai moitos anos por un señor chamado Antonio Vivaldi.



Por último, só me queda comentarvos que -como abofé que xa notastes- cambiei o tipo de letra do blog. Para principio de curso escollera unha letra máis parecida á letra escolar que todas e todos coñecemos, pero a estas alturas penso que xa todo o mundo é quen de ler estoutro tipo de letra.

luns, 20 de marzo de 2017

Calendario para as exposicións sobre literatura oral

Lúa Soengas - 27 de marzo
Nahia Pillado - 28 de marzo
Tomé Otero - 29 de marzo
Xoel Muinelo - 30 de marzo
Adrián Mariz - 31 de marzo
Lucas Macía - 3 de abril
Noa López - 4 de abril
Raúl López - 5 de abril
Antón Jove - 6 de abril
Paula González - 7 de abril
Álex González - 19 de abril
Marco Gascón - 20 de abril
Anxo Fernández - 21 de abril
Daniel Díaz - 24 de abril
Noa Cupeiro - 26 de abril
Gisela Corujo - 27 de abril
Kirian Codesal - 28 de abril
Daniel Olugburu - 3 de maio
Adriana Campo - 4 de maio
Noa Burgos - 5 de maio
Tania Rego - 8 de maio

domingo, 19 de marzo de 2017

Rosalía, sempre viva.

Quen tivemos a sorte de asistir na mañá de onte á Casa-Museo de Manuel María, en Outeiro de Rei, vivimos unha moi bonita xornada de convivencia, de ledicia e de poesía. Nenas e nenos chegados de colexios de toda Galicia levaron atá alí as súas poesías do Manuel e de Rosalía. O día, solleiro, acompañou o desenvolvemento de toda a xornada que rematou para nós coa guinda dunha mención de honor na nosa categoría e o agasallo dun lote de libros, xentileza da Casa-Museo. Coido que debedes estar moi orgullosos polo traballo feito, as horas de ensaio e a valentía por aceptar este reto. Eu estouno.


venres, 17 de marzo de 2017

Música prehistórica

Na clase de Educación Física de hoxe pasámolo bomba con esta "música prehistórica" que abofé que algún dos maiores escoitaba nun walkman como o que vimos outro día.


Pasade boa fin de semana!

AVISO (para quen asista ao certame de poesía de mañá):
- Conviña que chegásemos ás 10:30, para poder estar entrando ás 10:45, tal e como nos pediron dende a organización.
- No momento do recitado poderán entrar dous acompañantes con cada neno/a.
- No momento da entrega de premio (e segundo os resultados do sorteo do pasado martes) poderá entrar un dos acompañantes das seguintes alumnas/os: Carla (1ºA), André (1ºA), Iria Freijo (1ºA), Gisela, Adriana, Antón, Lucas, Raúl e Tomé.
- Entre o momento do recitado e o da entrega de premios, poderase visitar a Casa-Museo de Manuel María.

xoves, 16 de marzo de 2017

"Música, maestro."

Esta foi a nosa banda sonora de hoxe, cortesía de Antón.

mércores, 15 de marzo de 2017

Obxectos da prehistoria

En contra do que nos acontece aos maiores; para os nenos e as nenas de primeiro b, este obxecto que hoxe Raúl amosou na asemblea era o que se usaba para escoitar música alá polo paleolítico (como pouco).

martes, 14 de marzo de 2017

Máis libros: máis aprendemos

Hoxe tivemos unha hora do conto moi interesante. Antón trouxo un libro que nos lembrou que a terra anda algo maliña; porque os seres humanos non sempre a coidamos ben. Lucas compartiu connosco un libro ben curioso: un conto de Bob Esponxa escrito en catalán. O profe tentouno, pero vese que os idiomas non son o seu... 🤗

luns, 13 de marzo de 2017

Lembrade:

Decenas con decenas, unidades con unidades; decenas con decenas, unidades con unidades; decenas con decenas, unidades con unidades; decenas con decenas, unidades con unidades...

venres, 10 de marzo de 2017

Toca transplantar

As nosas plantas xa necesitan máis espazo. Os vasos de iogur foron a súa primeira casa, pero agora debemos transplantalas para que poidan seguir medrando. Quen poida, que o faga directamente na terra e quen non, que busque unha maceta máis grande.
Lembrade que as plantas precisan -para poder vivir- terra, auga, aire e luz do sol e que as xudías son trepadoras, non vos esquezades de lles poñer un pau polo que poder subir.
Seguídeas coidando con agarimo e se vos lembrades ide tirando algunha foto do seu crecemento para poder compartir na asemblea.
Pasade boa finde!
(Marco, a túa planta está agardando por ti no cole, non te preocupes).

mércores, 8 de marzo de 2017

Imos de recollida!

Botamos a andar a seguinte actividade que desenvolveremos na asemblea, nas vindeiras semanas. Metémonos de cheo no traballo de campo, como auténticas investigadoras e investigadores e trataremos de atopar pequenas composicións literarias propias da tradición oral.
Será, ademais, unha fermosa ocasión para achegarnos aos nosos maiores e valorar as súas persoas, as súas vidas e as súas historias e consellos.
Hoxe van ás casas unhas notas na que se explica polo miúdo a actividade.

martes, 7 de marzo de 2017

Asemblea

Esta tarde houbo asemblea na aula. Non nos tocou aos nenos, como todas as mañás, senón aos maiores.

luns, 6 de marzo de 2017

Reunión

Lembrade que mañá ás cinco temos a reunión conxunta de todas as familias das nenas e os nenos de primeiro b.

venres, 3 de marzo de 2017

Venres, outra vez

Esta semana "tan curtiña" xa nos sitúa nun novo venres. O día de hoxe serviunos para rematar o tema 8 nos dous libros (o luns empezaremos co 9) e para ver un anaco dunha película, que remataremos de ver o vindeiro venres, e da que xa vos contaremos algo.
Fai tempo que nos vos recomendo ningún disco, así que para desfrutar desta fin de semana preséntovos esta delicia que é o Pelo Gato 24. Un disco para xogar, un xogo para escoitar; un discazo editado pola Asociación de Gaiteiros Galegos.


Aquí tedes un petisco do mesmo, co que nos habemos meter a semana que vén:


Pasade unha boa finde semana!

xoves, 2 de marzo de 2017

Á volta do entroido

A volta do Entroido trouxo á aula mil historias para compartir: disfraces, viaxes, actividades... pero a primeira sorpresa foi ver como a maioría das nosas plantas decidiran, mentras nós estabamos de vacacións, erguerse da terra e xermolar vigorosas. Xa estamos ansiosos por levalas para a casa e por iso rematamos o día moldeando plantas e árbores de plastilina.
Tomé cumpriu co seu encargo e trouxo unha fermosa presentación con fotografías que el e a súa familia tiraron na súa viaxe por algún dos entroidos máis senlleiros de Galicia. Así, soubemos dos peliqueiros de Laza, dos cigarróns de Verín, das pantallas de Xinzo ou dos boteiros de Viana.
Son unha pequenísima parte dunha longa lista de vilas e aldeas galegas nas que se conservan personaxes propias do entroido que afunden o seu nacemento na noite dos tempos: ademais dos xa citados, poderiamos falar dos felos de Maceda, os vergalleiros de Sarreaus, as mázcaras de Manzaneda, os volantes de Chantada, os lambardeiros de Mugares, os zarramoncalleiros de Cualedro, os troteiros de Bande, os charrúas de Allariz, os irrios de Castro Caldelas, os murrieiros da Teixeira, as bonitas de Sande, os vellarróns de Riós, os galos da Mezquita, os xenerais da Ulla, os galáns e as madamas de Cobres, os madamitos de Cerqueda, os merdeiros de Vigo, os choqueiros da Coruña, a pita de Eiroás, o oso de Salcedo, o loro Ravachol de Pontevedra, e un longuísimo etcétera. Seguro que outros moitos desapareceron, estes sobreviviron ao paso dos anos e ás máis diversas prohibicións e algúns están en proceso de recuperación. Temos ante nós outro rico filón da nosa cultura.

Boteiro (Viana do Bolo)
Cigarróns defilando por unha rúa de Verín
Pantalla (Xinzo de Limia)
Ademais das fotos, Tomé trouxo á aula unhas vexigas como as que usan as pantallas. Logo vimos un pequeno vídeo sobre como se fabrican.
Peliqueiros correndo pola praza da Picota de Laza.
Todas e todos coincidimos en que as nosas carautas danse un aire coas dos entroidos tradicionais que coñecimos.