venres, 24 de febreiro de 2017

Entroidooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooo!

Esta mañá foi un pouco distinta ás habituais: a nosa aula converteuse nun obradoiro de caretas, no que recreamos estas máscaras da pintora surrealista galega Maruxa Mallo. Foi moito traballo e ocupou practicamente todas as sesións da mañá. A confección da máscara constaba de moitas tarefas, que fomos desenvolvendo con paciencia e dedicación. Ao final do día, marchamos moi contentos coas nosas máscaras de entroido. A pasalo bomba! Vémonos á volta!
(Os que ides gozar dos entroidos tradicionais da provincia de Ourense, lembrádevos de tirar algunha foto para ensinar á volta).







xoves, 23 de febreiro de 2017

As súas mellores galas

Parece que algunha das nosas plantas xa ten listo o seu "vestido verde" e disponse a saír.

mércores, 22 de febreiro de 2017

Seguimos coas oveeeeeeeeeeeeeeeellas...

Neste caso, as dos avós de Lúa. Con esta última intervención, rematamos xa esta primeira rolda de exposicións orais. Coido que o resultado foi moi satisfactorio: houbo exposicións moi interesantes, outras moi ben preparadas, algúns animáronse a dar os seus primeiros pasiños co galego... En xeral, podemos dicir que traballastes moito e ben: o listón quedou moi alto! Xa estamos a pensar na seguinte argallada. Á volta do Entroido, cóntovos.
https://semprengalego.blogspot.com.es/2017/02/miudoparladoiro11.html

martes, 21 de febreiro de 2017

Silva e Toxa

Velaquí tedes a Tomé falando sobre as súas ovellas Silva e Toxa.


luns, 20 de febreiro de 2017

Cans e gatos

Hoxe tocoulle a quenda a Nahia, que nos falou dos cans dos seus avós, grandes cazadores da raza beagle. Tamén, nestes últimos días estámonos a divertir moito co libro de Manuel María O bigote do Mimí, que trouxo Noa López.

venres, 17 de febreiro de 2017

Sementeira

Hoxe, aproveitando esta pequena primavera que nos acompaña estes días e as cousas que estamos a aprender no tema 8, dispuxémonos a plantar unhas sementes de xudía.

Primeiro, Álvaro fixo un burato nos vasos; para que as plantas poidan desbotar a auga que lles sobre.
Despois, enchemos ben de terra. 

Logo, puxemos a semente.
 
Regamos.

E puxemos na ventá, para que lles dea o sol.
Agora só queda ter paciencia e agardar a que vaian medrando.

E esta foi a nosa Sementeira...
ou, se sodes máis de rock: https://www.youtube.com/watch?v=crdL2e95yBc.

Historia de una semilla
Oculta en el corazón
de una pequeña semilla,
bajo la tierra una planta
en profunda paz dormía.
- ¡Despierta!, dijo el calor.
- ¡Despierta!, la lluvia fría.
La planta oyó la llamada,
quiso ver lo que ocurría;
se puso un vestido verde
y estiró el cuerpo hacia arriba.
De toda planta que nace
esta es la historia sencilla.
(Manuel F. Juncos)

Pasade boa fin de semana!

xoves, 16 de febreiro de 2017

Lola e Messi

Mirade cantas cousas nos contou Lucas sobre os seus gatos. Dá xenio escoitalo!
Para ver o vídeo, pulsade aquí.

mércores, 15 de febreiro de 2017

O león

Hoxe tocoulle a quenda a Daniel Olugburu, que nos falou do seu animal favorito, o león.

martes, 14 de febreiro de 2017

Un can con nome de gato e un mosteiro

A asemblea de hoxe foi moi produtiva. Chloé falounos do can duns amigos seus, Micifuz, e Noa Burgos do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, ao que vai moitas veces; xa que parte da súa familia vive moi perto de alí.

luns, 13 de febreiro de 2017

Rocky

Ollade que mural máis chulo trouxo hoxe Adrián para falarnos do seu can Rocky!

venres, 10 de febreiro de 2017

Como cambiou o conto!

La increíble, pero cierta, historia de Caperucita Roja aprendeunos que ás veces as apariencias enganan, que as cousas non sempre son o que parecen, e que a visión de varias persoas sobre un feito enriquece o noso coñecemento do mesmo.
Boa finde!

xoves, 9 de febreiro de 2017

#miúdoparladoiro7

Continuamos coas exposicións orais sobre os nosos animais preferidos. Aquí tedes as de Raúl e Antón. 




mércores, 8 de febreiro de 2017

Non me "chinches"


Ese coitado bechiño que vedes na foto é unha Pyrrhocoris apterus ou chinche vermella que Tomé trouxo hoxe á clase. Pero non vos preocupedes: esta non se alimenta de sangue humano, como a súa incómoda parente Cimex lectularius, senón do zume de certas plantas. Todo isto aprendémolo grazas ao que nos contou Tomé e a un libro moi guai que nos amosou.

martes, 7 de febreiro de 2017

A "dura" vida do estudante

Hoxe fixemos un esquema. Moi probablemente o primeiro que fixemos na vida. O primeiro de centos ou miles que teremos que facer ao longo desta "dura" vida do estudante que apenas estamos a comezar.
Velaquí, o esquema de Noa Cupeiro.

luns, 6 de febreiro de 2017

Razas autóctonas de Galicia (II)

Aí vai o vídeo sobre as nosas razas animais autóctonas, que vimos o pasado venres. Por se alguén o quere ver de novo.
https://youtu.be/-NJz8O8XWqY

venres, 3 de febreiro de 2017

Razas autóctonas de Galicia

Despois do recreo tivemos a sorte de asistir a unha charla sobre as nosas razas autóctonas. Charla na que Diego, un veterinario, nos contou moitas cousas sobre as vacas limiá, candelá, chachena e frieiresa; o porco celta; a galiña de Mos; a ovella e cabra galegas; o can de palleiro ou o cabalo de pura raza galega.
Aprendemos moitas cousas e déronnos un calendario moi chulo. Despois fixemos un debuxo do animal que máis nos chamara a atención. Aquí tedes unha mostra dos que mellor quedaron.

xoves, 2 de febreiro de 2017

Falando de animais (III)

Na exposición desta mañá non nos falaron nin de cans, nin de gatos... Marco amousounos unha foto dunha boa constrictor! e tamén un cadro no que había parte da súa pel.
Ademais hoxe estreamos moqueta nova.

mércores, 1 de febreiro de 2017

Falando de animais (II)

Día tras día continuamos coas exposicións orais sobre os animais, moi ben traballadas desde a casa.
Mirade, por exemplo, o bonito mural que elaborou Noa Cupeiro sobre "os seus amigos" ou a fermosa exposición que fixo Gisela: https://semprengalego.blogspot.com.es/2017/01/miudoparladoiro6.html