venres, 23 de setembro de 2016

O arco da vella

Hoxe lembramos a Manuel María, autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas e do que xa nos falaran o curso pasado. Achegámonos a unhas estrofas do seu poema O Arco da vella: límolas, explicámolas, copiámolas, debuxámolas e algún valente ata se atreveu a aprendelas de memoria.
Habemos volver máis veces ao marabilloso libro dos Soños na gaiola que o Manuel escribiu pensando nas nenas e nos nenos. Recomendámosvos a súa lectura.
Aquí tedes o arco da vella de Raúl cos seus sete "colores"



mércores, 21 de setembro de 2016

Castañas

Á sombra do castiñeiro
dá gusto parrafear:
ten a folliña miúda,
non deixa entrar o luar.





Chega o outono e, con el, as castañas. Hoxe Tomé trouxo unha presada delas. Puidemos ver como é a castaña e como o castiñeiro trata de protexer as súas sementes cun ourizo cheíño de espiñas.

martes, 20 de setembro de 2016

Unha de mosquitos

Esta mañá, ao chegar á aula, atopamos no chan o corpo dun mosquito que decidira vir acabar os seus días entre nós. Esta "visita" inesperada serviunos para coñecer mellor a anatomía destes animais que, ás veces, nos atacan polas noites; e tamén nos lembrou a historia do Mosquito Federico que leramos días atrás.



Ollade que ben lle quedou a Antón o seu mosquito.

martes, 13 de setembro de 2016

Impresionámonos cos impresionistas!

Baixo este título agáchase o proxecto deste curso da biblioteca do colexio. Dende todas as aulas iremos coñecendo un pouquiño máis desta escola pictórica. Nós xa empezamos cun pequeno mural. Para saber máis, pincha aquí.


Aproveitamos para presentarvos o blog da biblioteca e invitarvos a que deades unha volta por el.

luns, 12 de setembro de 2016