xoves, 29 de xuño de 2017

Obxectos perdidos

Que tal, amigos /as? Como van esas vacacións? Agardo que ben.
Estes días recollendo no cole, atopei todas estas cousas (e algunha máis). Se alguén as quere recuperar, deixeillas a Antonio (o conserxe). Estarán nunha caixa na conserxería os primeiros días do mes de xullo, despois desfarémonos delas.
Un saudiño.

venres, 23 de xuño de 2017

Grazas

Chegamos á fin desta aventura. Foi para min unha honra e un pracer facer parte deste grupo. Aprendín moito ao voso lado, moitas grazas por isto.
O tempo ha pasar, e aínda que agora vos pareza que non, pouco a pouco habémonos ir esquecendo uns dos outros, é normal, non pasa nada. Pero agardo que algo de min quede en vós (como moito de vós levo eu en min), sen sabelo, cando tratedes con respecto aos demais, cando os escoitedes e respectedes, cando os valoredes polo que pensan, sinten e fan (non polo seu aspecto ou condición), etc. Isto é o máis importante que vos tentei aprender este curso, alén das linguas, as ciencias ou as matemáticas. Grazas a todas e cada unha de vosoutras, grazas a todos e cada un de vosoutros.
Teño intención de seguir colgando cousas no blog (vídeos que non me deu tempo a compartir, etc.) e cando saiba cara onde tira o meu camiño o vindeiro ano, tamén volo conto por aquí. E tamén me gustaría que este espazo seguise aberto á vosa participación.
Unha aperta, amigos/as.
Álvaro.

xoves, 22 de xuño de 2017

O traballo doutro trimestre

O curso vai chegando ao seu fin e hoxe tocou recoller. Neses libriños, como o de Noa Burgos - que vedes na foto-, van ducias de fichas e debuxos que fomos facendo ao longo destes tres últimos meses.
Amais diso, tamén levamos nas mochilas os libros de texto, as carpetas, etc. Mañá non cómpre que os traiades ao colexio; pero si as mochilas, porque aínda queda algunha cousa máis por levar.
Por último lembrade que mañá teremos unha sesión de xogos populares, polo que é mester que traides roupa cómoda e calzado deportivo. Xa case está, logo marchamos de vacacións!

mércores, 21 de xuño de 2017

Día de experimento

Para rematar o libro do acuario, hoxe cada quen puido organizar o seu tempo como quixo, repartindo este entre momentos de traballo e de xogo. Quen o fixo ben, traballou e xogou; quen non se organizou tan ben, hoxe levará un pouquiño máis de traballo extra. Seguimos aprendendo, seguimos gañando autonomía.

martes, 20 de xuño de 2017

AVISO

Mañá, mércores, teremos a última sesión de gravación do noso vídeo. Por favor, traede pantalón vaqueiro e camiseta azul mariño ou similares.

Non hai como...

... un pouco de plasti para abrir o apetito. Velaquí tedes as saborosas tortas que fixeron Anxo e Noa Cupeiro.

luns, 19 de xuño de 2017

Libros

Hoxe xuntámonos con outro bo montón de fermosos e interesantes libros. Que ben!

domingo, 18 de xuño de 2017

Aviso

Mañá luns volveremos a ter sesión de gravación. Traede, por favor, pantalón vaqueiro e camiseta azul mariño ou similares. Grazas.

sábado, 17 de xuño de 2017

venres, 16 de xuño de 2017

Segunda colleita


A nosa planta de xudías xa nos deu unha segunda colleita. Nesta ocasión o afortunado encargado de facer a cata do produto foi Daniel Olugburu. Agardamos a túa crítica, Daniel.

xoves, 15 de xuño de 2017

Finalista

Esta é unha das obras finalistas do certame de debuxo convocado pola tradEscola, a escola de música tradicional da Asociación de Gaiteiros Galegos. E é obra de Antón.

mércores, 14 de xuño de 2017

Visita ao castelo

Que ben o pasamos na nosa excursión e cantas cousas aprendemos.











martes, 13 de xuño de 2017

luns, 12 de xuño de 2017

A impresionante Annecy

Hoxe soubemos dunha fermosa cidade francesa, Annecy, na que naceu o protagonista da entrevista de Chloé, cuxas preciosas postais ben puideran ser un cadro de Joaquín Sorolla, pintor levantino do que hoxe tamén coñecimos algo grazas a un libro que trouxo á asemblea Noa López.