mércores, 21 de decembro de 2016

Bo Nadal

Agora si: xa estamos de vacacións. Usade as vacacións para descansar, para xogar, para cantar, para bailar, para pasar tempo coa vosa familia... e tamén para ler. Se alguén quere traballar un pouco que repase o que xa sabedes: lectura, escritura, números ata o 19, sumas, restas, comparación de números, decenas e unidades... aínda que seguro que tedes cousas ben máis divertidas para facer no Nadal. Vós, que sodes os gardiáns/ás da Ilusión, disfrutade deste tempo e contaxiade a toda a xente de ledicia.


As notas son toda unha novidade deste ano e son o reflexo de todo o que fixo cada unha e cada un de vós dende as nove da maña ata ás dúas do mediodía en todos estes meses que estivemos xuntos. O profe non quitou nin regalou nada (ou iso tentou). Se tedes boas notas, noraboa, seguide así. E se non son tan boas, non vos desanimedes, pero pensade que algo non estades a facer ben e que hai que cambiar cousas: aínda temos moito curso por diante, non o deixedes para cando xa non haxa remedio.
Vémonos á volta!
Unha aperta do voso profe.
Por certo familias, vistes que xeitoso quedou a nosa árbore de Nadal?

martes, 20 de decembro de 2016

De virus e outras cousas

Hoxe os glóbulos brancos do profe tiveron moito traballo...


luns, 19 de decembro de 2016

El ingenioso sapo

Na hora de ler, limos o conto "El ingenioso sapo" dun fermoso libro que trouxo Noa López.


venres, 16 de decembro de 2016

Os sete cabritos

Esta mañá vimos esta curta baseada no conto dos sete cabritos.


Despois, recreámola con plastilina.





Pasade boa finde! Descansade. E lede un poquiño. Vémonos o luns; que xa queda nada para as vacacións...

xoves, 15 de decembro de 2016

Vestidos de Nadal

Xa están os corredores engalanados, vestidos de Nadal. Cada nena e cada neno do colexio fixo unha postal para desexar boas festas, o motivo elixido foron as razas animais autóctonas, e xa están todas penduradas nas paredes.
Na imaxe podedes ver as de primeiro b.

mércores, 14 de decembro de 2016

Ler ciencia na biblioteca escolar...

... e literatura, e historia, e xeografía, e arte, e filosofía, e relixión, e... ler e ler e ler; porque xa di o refrán: "para saber, andar ou ler".

martes, 13 de decembro de 2016

Aula libre de ruído (V)

Repetide todos/as comigo: aínda non estamos de vacacións!!!
Imaxe tomada de http://www.istockphoto.com/es

luns, 12 de decembro de 2016

Maus e maus e máis maus

Levamos tres días recortando mans coma tolos, sabemos que algo teñen que ver co Nadal pero non sabemos exactamente para que van servir. Tede paciencia: todo chegará.

venres, 9 de decembro de 2016

O arco da vella (V)

O ano vai chegando ao seu fin e con el tamén rematan as conmemoracións das Letras Galegas encol da figura de Manuel María.
Aproveitando o debuxo que nos serviu de fondo para a nosa primeira participación nos #parladoirosmiudos co recitado do poema do Arco da vella, compuxemos este fermoso mural sobre o mesmo poema e no que todos e todas puxemos o noso graíño de area e que agora loce no corredor para fachenda de toda a clase.
Pasade boa finde. O luns voltamos á "normalidade" logo desta semana tan atolapeirada.

mércores, 7 de decembro de 2016

Equilibrio

A actividade na clase é intensa e, ás veces, as novas para vos contar no blog vanse acumulando. Así pasou con esta clase de Educación Física na que traballamos o equilibrio xa a semana pasada.

luns, 5 de decembro de 2016

I Premios de panxoliñas da aula de primeiro B

Hoxe, co gallo da lámina coa que empeza o tema 5 do libro do robot, escollemos a panxoliña favorita da nosa clase. Primeiro escoitamos todas as pezas candidatas, que previamente seleccionara o profe, e despois, votamos. A gañadora foi o Nadal de Luíntra, nesta fermosa versión de Berrogüetto, na voz de Guadi Galego.


As outras candidatas tamén eran moi boas:



O de hoxe foi unha desculpa coma outra calquera para achegarnos, crenzas de cada un aparte, a unha parte fermosísima e bastísima da nosa música tradicional: os cantos de Nadal (panxoliñas, vilancicos, cantos de Reis, aguinaldos, xaneiras, etc.), non sempre coñecidos e valorados na súa xusta medida.
E lembrade que cando vos canten os reises habedes de dar un bo aguinaldo, non vos vaian a cantar aquilo de:
Somos os reises do quiquiriquí,
vamos a ver que non botan aquí.
Somos os reises do cacaracá,
vamos a ver que nos botan alá.
Somos os reises do quiquiriquí,
se non nos dan nada, marchamos d´aquí.
Somos os reises do quiquiriquí,
se non nos dan nada, cagámoslle aquí.

venres, 2 de decembro de 2016

Cousas dos venres

As últimas horas dos venres son duras: a fin de semana está a piques de chegar, o traballo de cinco días seguidos xa pesa, estamos cansas, nerviosos... e o profe ten que levantar o pé do acelerador. Entón a creatividade dispárase: unha actividade frenética de debuxos, tesoiras, pegamentos... toma a aula e ás veces xorden cousas coma esta.
Os dous intrépidos (aos que vou respectar o segredo da súa identidade) dixeron ser superheroes. Xa lles dixen que a min parecer, parecíanme a Santa Compaña. :-) Esta xente miúda dáme a vida! Boa finde!

xoves, 1 de decembro de 2016

Conta atrás

Chega hoxe o mes de decembro, xa con frío, xa coa roupa de inverno no armario e comeza a arrecender a Nadal... tamén no cole: na aula de música xa soa algunha panxoliña, xa empezamos a descontar os días que faltan para as vacacións e hoxe na clase de plástica, co profe Alberto, estivemos argallando con estas fermosas postais. E así, como quen no quere a cousa, xa case levamos un trimestre xuntos.

mércores, 30 de novembro de 2016

Brinca vai

Hoxe vai unha recomendación musical: o Brinca vai de Paco Nogueiras. Velaquí un exemplo das pezas deste marchoso disco:
https://youtu.be/F1e0wAcXcgw

martes, 29 de novembro de 2016

Cuando nace un monstruo

Xa hai tempo que na Hora do conto limos Cuando nace un monstruo. Dende ese día é un dos nosos libros favoritos da biblioteca de aula. Hoxe tivemos que debuxar despois de ler e Adrián e Antón decantáronse por este libriño. Xente artista!

luns, 28 de novembro de 2016

Aula libre de ruído (IV)

As cadeiras da nosa aula son tan fachendosas que puxeron zapatos. Así, ademais de estar máis elegantes han facer menos barullo.
Hoxe tamén estivemos falando de que a botella de silencio, o señor Semáforo e os zapatos das cadeiras, se ben axudan, non servirán para acabar co ruído da aula se nós non poñemos todo da nosa parte.

venres, 25 de novembro de 2016

Os alimentos

Tiñamos pendente de facer un mural sobre os grupos de alimentos, explicados no tema anterior. Hoxe foi o día de facelo. Ollade que ben quedou!

xoves, 24 de novembro de 2016

Somos albaneis (III)

Entre todas e todos chegamos hoxe á seguinte definición: un plano é un debuxo que serve para planificar a construción dunha casa e que está feito de tal xeito que parece que alguén lle tivera quitado o lousado á casa e mirase dende enriba.
Así é como Tania fixo a distribución dos mobles na súa "casa".

mércores, 23 de novembro de 2016

Somos albaneis (II)

Hoxe seguimos coas clases de arquitectura, con resultados... dispares. 😄

O primeiro paso foi pintar.
Logo recortar, dobrar e pegar.
E por último "arranxar a finca". Aquí, a de Paula.
Aquí, a de Marco.

martes, 22 de novembro de 2016

Aula libre de ruído (III)

A última medida que implementaremos para atallar o ruído na clase ten que ver con iso que tedes na foto. O como, nos vindeiros días...

luns, 21 de novembro de 2016

Somos albaneis

Hoxe estivemos aprendendo moitas cousas sobre os distintos tipos de casas, logo debuxámolas e, por último, puxémonos mans á obra (literalmente).


Debuxo de Antón
Noa López e Nahia "man a man".
A cidade de Kirian
As casas unifamiliares e de pisos de Lúa e Raúl

venres, 18 de novembro de 2016

Frisbee!

Levamos un par de días practicando con estes discos tolos e xa lles imos collendo o xeito.
(PD.: Hoxe o sr. Semáforo enfadouse algo menos. Seguimos traballando.).

xoves, 17 de novembro de 2016

Castañas

O frío vai chegando e xa apetece meterse tras da cociña e comer unha presada de castañas. Xa as probastes este ano?

mércores, 16 de novembro de 2016

Aula libre de ruído (II)

Ao señor Semáforo non lle gusta nada o ruído, cando o hai pónse vermello e soa enfadado. Pero o señor Semáforo non é máxico (non fai desaparecer o ruído), é só unha axuda para aprendernos a coidar o silencio da aula.
Hoxe xa se enfadou connosco unhas cantas veces porque berramos demasiado.
Seguimos traballando para que a nosa sexa unha aula libre de ruído.

martes, 15 de novembro de 2016

O galo canta

Temos esta canción moi abandonada: a ver se mañá nos dá tempo a darlle unha volta. Afinade esas gorxas!
(Esta versión é algo distinta da que cantamos na clase, pero ben nos vale para repasar).

luns, 14 de novembro de 2016

Xente deportista

Hoxe, Xoel trouxo á asemblea a mochila, a camiseta e un foco moi guai (como o dos mineiros) que lle deron nunha carreira nocturna na que participou esta fin de semana. Ademais, explicounos moi ben toda a experiencia.
Dan ganas de ir á próxima. Como mola esta xente deportista!
[imaxe tomada de lavozdegalicia.es]

venres, 11 de novembro de 2016

Aula libre de ruído (I)

Queridas familias, temos que comunicarvos unha nova importante: na nosa aula hai contaminación!
É un tipo de contaminación que non se ve, nin se cheira, nin se toca; pero que nos afecta igualmente. Estamos a falar da contaminación acústica.
Na nosa aula temos moito ruído, moitísimo ruído, demasiado ruído. O ruído afecta á nosa saúde e ao noso rendemento escolar, dificulta a concentración, pónnos nerviosos/as, impide a comunicación, complica a transmisión de coñecementos e un longuísimo etcétera. Algún ruído provén de axentes externos (as sillas e as mesas, o ordenador e o canón...) pero a maioría é producido por nós mesmos.
Na nosa aula en non poucas ocasións superamos os 70dBa que a OMS considera como límite de ruído aceptable para a nosa saúde. [imaxe estraída de http://abogadodelruido.com]
Aínda que ao longo destes meses fomos facendo cambios e a situación mellorou moito, aínda nos queda moito camiño por andar: temos que aprender a traballar en silencio, a falar baixiño (sempre: cando traballamos, cando pintamos, cando lemos e tamén cando xogamos), a non berrar... e temos que facelo todos (o profe e as nenas e os nenos).
Ademais, iremos implementando unha serie de medidas que nos han axudar a lograr o noso obxectivo: poder pendurar da nosa aula o cartel de "Aula libre de ruído". É un obxectivo ambicioso pero abofé que entre todos/as habémolo conseguir.
En primeiro lugar, falareivos hoxe da "botella do silencio" que levamos uns días empregando e que substitúe as palabras (ou berros) do profe para pedir silencio. Pero a botella só funciona se todos/as lle facemos caso.

[imaxe tomada de pinterest.com]

Se alguén quere saber máis sobre estes temas:
E xa por último unha recomendación máis lúdica para a fin de semana:
Para os/as peques, o profe ás veces séntese como o pobre de Pato: https://www.youtube.com/watch?v=edjjWjGzWsc
Para os/as maiores, sobre outros ruídos que tamén nos impiden oír: https://www.youtube.com/watch?v=McISKf4OANM 

Desculpade polo texto tan longo, pero o tema paréceme importante. Vémonos o luns! Descansade, xogade (e lede un pouquiño cada día).

xoves, 10 de novembro de 2016

Misterio resolto! (en parte)

Hoxe puxémonos pinceis á obra e pintamos dous vasos de iogur (un de azul e outro de vermello) e tamén 20 pauciños de xeado.
Pero, resolto un misterio, aparece outro: resulta que todo isto ímolo empregar en clase de mates. Pero... para que?
PD: as lavadoras dalgunha casa hoxe han botar faíscas: a dura vida do artista... 😅





mércores, 9 de novembro de 2016

Misterio misterioso

Que lle pasou ás nosas mesas?
Que irá a acontecer mañá no cole?
...
Só vos darei unha pista: ten algo que ver cos vasos de iogur.
Ata mañá!

martes, 8 de novembro de 2016

As tarefas da aula

Pouco a pouco imos organizando o funcionamento da nosa aula. Xa hai unhas semanas que distribuímos responsabilidades como repartir os libros, colocar a biblioteca, axudar a manter o silencio, etc.
Ao longo do curso, todas e todos iremos desenvolvendo as distintas tarefas; así gañaremos en autonomía e responsabilidade.
A clase facémola entre todos/as!

luns, 7 de novembro de 2016

O xersei está triste

Porque ninguén o quere,
porque ninguén o reclama,
porque leva máis dun mes colgado
e ninguén chama por el,
porque por máis que Álvaro pregunta
ninguén o quere levar para casa.

Se coñecedes á súa dona, decídelle que a bota moito de menos.
Por sorte, hai un paraugas que lle fai compaña, que leva case tanto tempo na clase coma el (e que tamén chora pola súa propietaria).