venres, 11 de novembro de 2016

Aula libre de ruído (I)

Queridas familias, temos que comunicarvos unha nova importante: na nosa aula hai contaminación!
É un tipo de contaminación que non se ve, nin se cheira, nin se toca; pero que nos afecta igualmente. Estamos a falar da contaminación acústica.
Na nosa aula temos moito ruído, moitísimo ruído, demasiado ruído. O ruído afecta á nosa saúde e ao noso rendemento escolar, dificulta a concentración, pónnos nerviosos/as, impide a comunicación, complica a transmisión de coñecementos e un longuísimo etcétera. Algún ruído provén de axentes externos (as sillas e as mesas, o ordenador e o canón...) pero a maioría é producido por nós mesmos.
Na nosa aula en non poucas ocasións superamos os 70dBa que a OMS considera como límite de ruído aceptable para a nosa saúde. [imaxe estraída de http://abogadodelruido.com]
Aínda que ao longo destes meses fomos facendo cambios e a situación mellorou moito, aínda nos queda moito camiño por andar: temos que aprender a traballar en silencio, a falar baixiño (sempre: cando traballamos, cando pintamos, cando lemos e tamén cando xogamos), a non berrar... e temos que facelo todos (o profe e as nenas e os nenos).
Ademais, iremos implementando unha serie de medidas que nos han axudar a lograr o noso obxectivo: poder pendurar da nosa aula o cartel de "Aula libre de ruído". É un obxectivo ambicioso pero abofé que entre todos/as habémolo conseguir.
En primeiro lugar, falareivos hoxe da "botella do silencio" que levamos uns días empregando e que substitúe as palabras (ou berros) do profe para pedir silencio. Pero a botella só funciona se todos/as lle facemos caso.

[imaxe tomada de pinterest.com]

Se alguén quere saber máis sobre estes temas:
E xa por último unha recomendación máis lúdica para a fin de semana:
Para os/as peques, o profe ás veces séntese como o pobre de Pato: https://www.youtube.com/watch?v=edjjWjGzWsc
Para os/as maiores, sobre outros ruídos que tamén nos impiden oír: https://www.youtube.com/watch?v=McISKf4OANM 

Desculpade polo texto tan longo, pero o tema paréceme importante. Vémonos o luns! Descansade, xogade (e lede un pouquiño cada día).

2 comentarios:

  1. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  2. LIBRO DO ROBOT: Dúas páxinas sobre alimentos do final do tema 3.
    LIBRO DO HELICÓPTERO: Páxinas da b e da v (tema 3).
    Desculpade a inexactitude de hoxe pero esquecínme de tomar nota das páxinas exactas.
    Máis tarde dareille contido a esta entrada tan aburrida.

    ResponderEliminar