mércores, 31 de maio de 2017

Volta á normalidade

Hoxe con dúas entrevistas, curiosamente relacionadas: a de Anxo, á súa nai, falando sobre un incendio ocorrido xa fai moitos anos nunha das colmeas do seu avó; e a de Noa Cupeiro, a un amigo da familia que é bombeiro. E todo isto no día no que nos decatamos de que remataremos as clases o día do Lume Novo, das fogueiras de San Xoán. Pouco queda xa! Arrincamos o último mes de curso.

Extraída de https://c1.staticflickr.com/1/35/70994179_dcdafa713b_b.jpg

luns, 29 de maio de 2017

Aviso

Bo día. Sigo enfermo polo que teño que suspender todas as titorías desta tarde. Desculpade as molestias.

venres, 26 de maio de 2017

Outro venres

Este comezou cunha entrevista moi peculiar que Gisela fixo a alguén que coñecedes moi ben e que aturades todos os días 🤗. E rematou cunha sesión de cine coas aventuras de Raio McQueen.
Pasádeo ben, descansade e lede un pouquiño. A ver se para a semana que entra temos algo menos de calor.

xoves, 25 de maio de 2017

Día intenso

Antes de nada, quero contarvos que John Cena, Sami, Amarillito, Hulk, Peludiño, Tamara, Rosita, Laura, Piquito, Ana, e Plumita xa están na súa nova casiña, xa comeron e xa beberon e teñen pinta de estar moi contentos.


Pero fóra disto, comecemos a relatar o día de hoxe dende o principio. Na asemblea Jordan sorprendeunos cunha entrevista a unha das nosas escritoras de máis sona, entrevista que xa quixeran facer moitos xornalistas profesionais; e é que o noso compañeiro entrevistou a Marica Campo!

Logo de vir da aula de música na que Tomé amosou as súas maracas artesanais traídas de América do Sur, limos o conto do "Pollito Benito" e a continuación escollemos os nomes dos nosos amigos.


Pero foi á volta do recreo cando empezaron as sorpresas gordas. Todos e todas sabiamos que Diego, o veterinario de Avimós, ía vir facernos unha visita pero nin imaxinabamos que viría cunha compaña tan especial.



E é que o noso amigo trouxo á aula un galo e unha galiña de Mos e contounos moitas cousas interesantísimas sobre eles.



Finalmente, quen se atreveu, puido tocar e acariñar aos pitiños, ao galo e á galiña.



mércores, 24 de maio de 2017

Benvidos, pitiños!

Despois de todo, a espera valeu a pena. Sete fermosos pitiños agardaban hoxe por nós ao chegar ao colexio, durante a mañá naceu outro e cando eu saín do cole xa había nove.
O acontecemento foi tal que recibimos múltiples visitas de nenas e nenos doutras clases e mesmo de mestras.
Para acollelos como é debido e que estivesen a gustiño fixemos uns bonitos carteis.
Como bos xornalistas que xa sodes sabedes que "a actualidade manda" pero non debemos esquecer que onte xa empezamos a compartir as nosas entrevistas: Noa Burgos fixo unha entrevista internacional a unha muller chamada Bea, que vive en París e hoxe Adriana presentounos a entrevista que lle fixo á súa nai.

martes, 23 de maio de 2017

Ohhhhh

Cubos

Despois de estudar os corpos xeométricos e recrealos con plastilina, hoxe probamos a facelos en papel.

luns, 22 de maio de 2017

Xa chegan!

O noso amigo veterinario, Diego, estivo hoxe no cole co seu ovoscopio para ver en cantos ovos estaba medrando un pitiño. Tamén nos contou que entre mañá e o xoves deberían de nacer a maioría. Que nervios!

venres, 19 de maio de 2017

Exitazo

Despois da tolería dos últimos ensaios e dos nervios previos, agora xa podemos dicir que a nosa actuación de hoxe foi todo un éxito: saiunos moi ben e gustou moito ao resto de compañeiros do cole.
Ademais, gozamos moito coas outras pezas deste Festival das Letras Galegas deste ano. Para rematar o día, recreamos con plastilina algún dos contos que hoxe foron representados.
E lembrade que días das Letras son todos, non só un no ano: vivan as nosas Letras!
Pasade unha boa fin de semana. Vémonos o luns.
Carrapuchiña vermella

Pedro e o lobo

Os tres porquiños

Lolo anda en bicicleta

xoves, 18 de maio de 2017

Todo preparado

Xa temos todo preparado para o festival de mañá. Lembrádevos de darlle un último repaso ao voso texto.

martes, 16 de maio de 2017

Calendario para a presentación na aula das entrevistas

Palabrexas

Cubo, esfera, cono, prisma, cilindro e pirámide. Palabras, ata o de agora descoñecidas, que incorporamos nestes días ao noso vocabulario.

luns, 15 de maio de 2017

Libros e galardóns

É unha pasada ir vendo día a día como entre todos facemos Escola. Hoxe, nesta semana das nosas letras, xuntámonos na aula con cinco libros de Carlos Casares, o autor homenaxeado neste ano.
Por outra banda, tamén estivemos falando das competicións de ximnasia rítmica e judo ás que acudiron esta pasada fin de semana Noa López, Marco e Daniel Díaz. Ollade as fermosas medallas de Noa!

venres, 12 de maio de 2017

Xudías e postais

Esta mañá, despois de colleitar na nosa planta, fixemos un sorteo para saber quen sería o encargado ou encargada de facer a cata do produto: a agraciada foi Noa Cupeiro. Noa, agardamos a túa crítica.
E xa á hora do xantar quedaron no buzón do parque do Castiñeiro as nosas postais, con destinos do máis diverso: Lugo capital, Ourense, Madrid, Barcelona, Menorca, Bizkaia, etc.
Pasade boa fin de semana, lede, descansade, xogade e falade moito, para non ter tantas ganas de facelo o luns. 😉

xoves, 11 de maio de 2017

mércores, 10 de maio de 2017

martes, 9 de maio de 2017

Diversidade de talentos

Dentro da nosa familia de primeiro b repartímonos habilidades do máis diverso: feito que supón unha grande riqueza e unha posibilidade continua de enriquecemento mutuo. Hoxe, Xoel, revelouse coma un experto filloeiro e amousounos os utensilios que, para facer as filloas, se empregan na súa familia dende tempo inmemorial na aldea de Samarugo. Hum, que ricas!

luns, 8 de maio de 2017

Un novo luns

Mirade que cantiga de berce tan fermosa trouxo hoxe Tania á asemblea, díxonos -ademais- que había de aprendela para cantarlla á súa irmá pequena.

Despois do recreo escollimos o conto que leremos entre todos para conmemorar o Día das Letras Galegas deste ano, adicado a Carlos Casares. As posibilidades eran: A galiña azul, Lolo anda en bicicleta, O peixe da fonte do xardín e a bomba da felicidade e A formiga esquiadora. Despois de dúas voltas, o pobo soberano falou e o escollido foi: Lolo anda en bicicleta!

venres, 5 de maio de 2017

O pan

Onte, co gallo dunha actividade do libro, estivemos falando do proceso de elaboración do pan. Hoxe, Daniel Díaz trouxo esta peza que fixo coa axuda da súa nai.

xoves, 4 de maio de 2017

Enviamos unha postal

A vindeira semana realizaremos unha actividade para o desenvolvemento da expresión escrita e a posta en valor da súa importancia, consistente no envío dunha postal. Por este motivo necesitamos que antes do martes da semana que vén (9.5.2017), todos os nenos e nenas traian á clase a dirección completa dun familiar ou amigo ao que poder enviar unha postal e un selo para tal fin.

mércores, 3 de maio de 2017

O ciclo da natureza

No día de hoxe vimos pecharse un ciclo da natureza e abrirse outro. A primeiras horas da mañá comprobamos como a nosa planta de xudía xa está a dar froito e como ese froito contén as sementes que nos servirían para voltar a reproducir as nosas plantas no vindeiro ano.


E -despois do recreo- tivemos unha visita moi especial, Diego -un veterinario da Federación de razas autóctonas de Galicia- veu á clase cargado de sorpresas. Traía uns ovos de Galiña de Mos, abriu un deles e explicounos para servía cada unha das súas partes (á parte de para comer!); e tamén trouxo unha incubadora, que recrea o que fan as galiñas cando chocan os seus ovos; alí quedou instalada, devecemos porque pasen os vinteún días que nos dixo, para ver se nace algún pitiño. Seguiremos informando.