xoves, 25 de maio de 2017

Día intenso

Antes de nada, quero contarvos que John Cena, Sami, Amarillito, Hulk, Peludiño, Tamara, Rosita, Laura, Piquito, Ana, e Plumita xa están na súa nova casiña, xa comeron e xa beberon e teñen pinta de estar moi contentos.


Pero fóra disto, comecemos a relatar o día de hoxe dende o principio. Na asemblea Jordan sorprendeunos cunha entrevista a unha das nosas escritoras de máis sona, entrevista que xa quixeran facer moitos xornalistas profesionais; e é que o noso compañeiro entrevistou a Marica Campo!

Logo de vir da aula de música na que Tomé amosou as súas maracas artesanais traídas de América do Sur, limos o conto do "Pollito Benito" e a continuación escollemos os nomes dos nosos amigos.


Pero foi á volta do recreo cando empezaron as sorpresas gordas. Todos e todas sabiamos que Diego, o veterinario de Avimós, ía vir facernos unha visita pero nin imaxinabamos que viría cunha compaña tan especial.



E é que o noso amigo trouxo á aula un galo e unha galiña de Mos e contounos moitas cousas interesantísimas sobre eles.



Finalmente, quen se atreveu, puido tocar e acariñar aos pitiños, ao galo e á galiña.



1 comentario: