venres, 28 de abril de 2017

A paisaxe

Velaí vai un vídeo resumo de todo o que estivemos a falar está semana sobre a paisaxe e os seus tipos:
https://youtu.be/LxgKYT8oDTo
Se alguén quere afondar algo máis tamén pode ver estoutros vídeos:
- Paisaxe de montaña
- Paisaxe de chaira
- Paisaxe de costa

E se aínda non o coñecíades, non deixedes de botarlle unha ollada á canle de YouTube de La Eduteca, un banco de recursos educativos incríble e vastísimo creado por un mestre chamado Óscar Alonso, que contén horas e horas de vídeos didácticos para todos cursos e áreas da Educación Primaria. Moi recomendable. Desfrutade da ponte!

xoves, 27 de abril de 2017

"Derrochando" arte

Neste caso coa axuda de Alberto, na hora de plástica.
Tamén temos que contarvos que onte soubemos que, se non hai novidade e o noso comportamento o permite, o vindeiro catorce de xuño iremos de excursión ao castelo de San Paio de Narla.

mércores, 26 de abril de 2017

Mil mañas

Na asemblea de hoxe, Noa Cupeiro falounos dun gato moi listo, dun raposo moi soberbio e da importancia da humildade. Ademais para acompañar o seu conto trouxo este fermoso mural.

martes, 25 de abril de 2017

A forza das palabras

https://youtu.be/00W73Nl0Wt8?t=20

Unha fermosa historia para estes días nos que andamos a falar da importancia dos libros, importancia da que non sempre somos conscientes.

luns, 24 de abril de 2017

Día do libro

Onte foi o día do libro. Velaí van dez razóns para ler un bo libro. De seguro que se vos ocorren moitas máis...

venres, 21 de abril de 2017

Unha noite no muíño

Os muíños, amais do sitio no que se moía o gran para obter a fariña e facer o pan, eran lugares de reunión e de troula. De aí a copla que compartiu hoxe Anxo connosco, unha das máis manidas da nosa tradición:

Unha noite no muíño,
unha noite non é nada.
Unha semaniña enteira,
esa si que é muiñada.

E é que supoño que a quen ía ao muíño, unha soa noite facíaselle pouco e clamaba por unha semana enteira de festa.
Déixovos un vídeo que atopei sobre un muíño aínda en funcionamento e o seu muiñeiro. Se vos fixades neste caso moen millo, porque é un muíño do sur de Galicia; na nosa zona era máis habitual que se moese trigo ou centeo.
https://www.youtube.com/watch?v=bYHXPDBmOPs

xoves, 20 de abril de 2017

Simbad

Hoxe limos unha versión dunha das aventuras de Simbad, nela os tripulantes do barco no que ía Simbad facían escala nunha illa moi peculiar, que finalmente resultou ser unha balea.

mércores, 19 de abril de 2017

Mapas

Hoxe andamos a falar dos mapas, de para que serven, de como se usan, de como antes eran só de papel e de como agora temos aplicacións informáticas como google maps que nos ofrecen infinidade de posibilidades: dende ver a nosa casa ou a porta do cole ata visitar as pirámides de Giza.

martes, 18 de abril de 2017

Voltamos!

A volta ao cole troúxonos unha sorpresa: a planta de xudías que quedou na aula xa comeza a dar froito. Como andan as das vosas casas?
Collede folgos que encaramos a recta final!

sábado, 8 de abril de 2017

8 de abril

Que tal esa primeira xornada de vacacións?
Hoxe é o Día Internacional do Pobo Xitano. Día para festexar a riqueza da diversidade, día para lembrar a aqueles que sufriron e sufren persecución e discriminación, día para reivindicar unha outra sociedade, un outro xeito de coñecernos, respectarnos e convivir.
https://youtu.be/LCUv9W0ViRc

Gelem, gelem lungone dromensar
maladilem baxtale Rromençar
A Rromalen kotar tumen aven
E chaxrençar bokhale chavençar

[...]

Opre Rroma isi vaxt akana
Ajde mançar sa lumáqe Rroma
O kalo muj ta e kale jakha
Kamàva len sar e kale drakha

https://youtu.be/woKPB7tXP5g

venres, 7 de abril de 2017

Superheroes (e superheroínas)

https://youtu.be/7NbafNRDmfU
Vai hoxe esta peza para vós, meus queridos superheroes, que tedes que lidiar coas normas deste mundo atravesado dos adultos.
Comezan hoxe as vacacións. Descansade. Recargade as pilas e voltade con ganas para afrontar o esprinte final.
Sobre as notas pouco máis teño que dicir, alén do que xa vos dixen na clase: Quen as ten boas, que siga así; e quen non as ten tan boas ou aínda lle falta mellorar un pouco máis, que siga traballando duro no terceiro trimestre.
Boa noite, amigas.
Boa noite, amigos.

xoves, 6 de abril de 2017

Lendas da Cova de Serpe

Antón compartiu hoxe connosco relatos do veciño concello de Friol.

mércores, 5 de abril de 2017

Máis adiviñas

Neste caso as que trouxo Raúl. Aclarádesvos con tanto guripé?

martes, 4 de abril de 2017

Rosalía, sempre viva (II).

Velaquí o vídeo, elaborado pola organización, sobre o noso paso pola Casa-Museo de Manuel María no concurso de recitado poético do pasado mes.
https://semprengalego.blogspot.com.es/2017/04/rosalia-sempre-viva.html

Poesías e almorzos

Fragmento da canción que hoxe recitou Noa López.
"Almorzo de hoxe" de Antón.

"Almorzo preferido" de Raúl.
"Almorzo preferido" de Nahia e Lúa.


"Almorzo preferido" de Lucas

luns, 3 de abril de 2017

Como anda o tempo? (II)

Varias cousas ocuparon a nosa mañá de hoxe. Lucas contounos unha fermosa lenda sobre a orixe do lago de Sanabria (e todo de memoria!); traballamos un pouco no libro do taladro; e demos os nosos primeiros pasos no campo da meteoroloxía, elaborando un mapa coa previsión do tempo de mañá, para isto empregamos a información subministrada por MeteoGalicia.