venres, 9 de xuño de 2017

Todo un ano de creatividade

O final de curso chega paseniño e as paredes da nosa "casa" van quedando sen sitio para expoñer as nosas creacións. Pero antes de que chegue o verán e volva brancas as paredes de novo, aínda atoparemos algún oco para seguir amosando toda a maxia que temos dentro. Foi un ano cheo de creatividade.

xoves, 8 de xuño de 2017

Achégase o día

Preparade as vosas armaduras, ídelle dando brillo aos vosos helmos e afiade as vosas espadas: o castelo agarda por nós.
http://redemuseisticalugo.org/spn_presentacion.asp?mat=3
Por certo, damas e cabaleiros, lembrade que para poder marchar ás Cruzadas, cómpre traer a autorización que levastes hoxe no libro. 😉

mércores, 7 de xuño de 2017

O prometido é débeda

Velaquí tedes as fotos de como van medrando os nosos pitiños. En poucos días xa poderán pasear polo galiñeiro co resto das pitas.

martes, 6 de xuño de 2017

Concerto (II)

Pois, tal e como esperabamos, o concerto desta mañá foi máxico. E foino por dous motivos: porque foi moi fermoso e ademais a música en directo sempre ten un punto de maxia; e porque o espectáculo combinaba a música da banda cos trucos dun mago, que nos deixou coa boca aberta en non poucas ocasións. Todo un luxo.

luns, 5 de xuño de 2017

Concerto

Mañá, se o tempo o permite, gozaremos dun máxico concerto a cargo da Banda de Música Municipal de Lugo.
https://youtu.be/zecRUXW4-XE

venres, 2 de xuño de 2017

A que sabe a lúa?

Fermoso historia que compartimos hoxe na hora do conto, grazas ao libro que trouxo Antón.
Boa finde!

xoves, 1 de xuño de 2017

X CERTAME LITERARIO

Actividade obrigatoria.
Cómpre presentar 2 folios: un coa poesía, outro co debuxo.
Data límite de entrega: luns, 5 de xuño.

Libros especiais

Incorporamos esta semana un novo título á nosa biblioteca de aula. Trátase dunha obra xa coñecida ("Lolo anda en bicicleta") pero nunha versión moi especial: aquela adaptación que fixeramos para as Letras deste ano.
Ademais disto, hoxe achegámonos ao mundo da música e do deporte coas entrevistas de Daniel Díaz e Marco, respectivamente.

mércores, 31 de maio de 2017

Volta á normalidade

Hoxe con dúas entrevistas, curiosamente relacionadas: a de Anxo, á súa nai, falando sobre un incendio ocorrido xa fai moitos anos nunha das colmeas do seu avó; e a de Noa Cupeiro, a un amigo da familia que é bombeiro. E todo isto no día no que nos decatamos de que remataremos as clases o día do Lume Novo, das fogueiras de San Xoán. Pouco queda xa! Arrincamos o último mes de curso.

Extraída de https://c1.staticflickr.com/1/35/70994179_dcdafa713b_b.jpg

luns, 29 de maio de 2017

Aviso

Bo día. Sigo enfermo polo que teño que suspender todas as titorías desta tarde. Desculpade as molestias.

venres, 26 de maio de 2017

Outro venres

Este comezou cunha entrevista moi peculiar que Gisela fixo a alguén que coñecedes moi ben e que aturades todos os días 🤗. E rematou cunha sesión de cine coas aventuras de Raio McQueen.
Pasádeo ben, descansade e lede un pouquiño. A ver se para a semana que entra temos algo menos de calor.

xoves, 25 de maio de 2017

Día intenso

Antes de nada, quero contarvos que John Cena, Sami, Amarillito, Hulk, Peludiño, Tamara, Rosita, Laura, Piquito, Ana, e Plumita xa están na súa nova casiña, xa comeron e xa beberon e teñen pinta de estar moi contentos.


Pero fóra disto, comecemos a relatar o día de hoxe dende o principio. Na asemblea Jordan sorprendeunos cunha entrevista a unha das nosas escritoras de máis sona, entrevista que xa quixeran facer moitos xornalistas profesionais; e é que o noso compañeiro entrevistou a Marica Campo!

Logo de vir da aula de música na que Tomé amosou as súas maracas artesanais traídas de América do Sur, limos o conto do "Pollito Benito" e a continuación escollemos os nomes dos nosos amigos.


Pero foi á volta do recreo cando empezaron as sorpresas gordas. Todos e todas sabiamos que Diego, o veterinario de Avimós, ía vir facernos unha visita pero nin imaxinabamos que viría cunha compaña tan especial.



E é que o noso amigo trouxo á aula un galo e unha galiña de Mos e contounos moitas cousas interesantísimas sobre eles.



Finalmente, quen se atreveu, puido tocar e acariñar aos pitiños, ao galo e á galiña.



mércores, 24 de maio de 2017

Benvidos, pitiños!

Despois de todo, a espera valeu a pena. Sete fermosos pitiños agardaban hoxe por nós ao chegar ao colexio, durante a mañá naceu outro e cando eu saín do cole xa había nove.
O acontecemento foi tal que recibimos múltiples visitas de nenas e nenos doutras clases e mesmo de mestras.
Para acollelos como é debido e que estivesen a gustiño fixemos uns bonitos carteis.
Como bos xornalistas que xa sodes sabedes que "a actualidade manda" pero non debemos esquecer que onte xa empezamos a compartir as nosas entrevistas: Noa Burgos fixo unha entrevista internacional a unha muller chamada Bea, que vive en París e hoxe Adriana presentounos a entrevista que lle fixo á súa nai.

martes, 23 de maio de 2017

Ohhhhh

Cubos

Despois de estudar os corpos xeométricos e recrealos con plastilina, hoxe probamos a facelos en papel.

luns, 22 de maio de 2017

Xa chegan!

O noso amigo veterinario, Diego, estivo hoxe no cole co seu ovoscopio para ver en cantos ovos estaba medrando un pitiño. Tamén nos contou que entre mañá e o xoves deberían de nacer a maioría. Que nervios!

venres, 19 de maio de 2017

Exitazo

Despois da tolería dos últimos ensaios e dos nervios previos, agora xa podemos dicir que a nosa actuación de hoxe foi todo un éxito: saiunos moi ben e gustou moito ao resto de compañeiros do cole.
Ademais, gozamos moito coas outras pezas deste Festival das Letras Galegas deste ano. Para rematar o día, recreamos con plastilina algún dos contos que hoxe foron representados.
E lembrade que días das Letras son todos, non só un no ano: vivan as nosas Letras!
Pasade unha boa fin de semana. Vémonos o luns.
Carrapuchiña vermella

Pedro e o lobo

Os tres porquiños

Lolo anda en bicicleta

xoves, 18 de maio de 2017

Todo preparado

Xa temos todo preparado para o festival de mañá. Lembrádevos de darlle un último repaso ao voso texto.

martes, 16 de maio de 2017

Calendario para a presentación na aula das entrevistas

Palabrexas

Cubo, esfera, cono, prisma, cilindro e pirámide. Palabras, ata o de agora descoñecidas, que incorporamos nestes días ao noso vocabulario.