venres, 28 de outubro de 2016

En un bosque frondoso

En un bosque frondoso
canta el cuco su son.
Escuchad bien, lobatos,
esta alegre canción...

Imaxe tomada de http://conocimientodelmediosegundo.blogspot.com.es/


Para os/as que nunca queredes contar nada na casa do que facemos no cole: polo menos cantade!

Gozade da ponte, descansade e o mércores todas e todos, con enerxías anovadas!

xoves, 27 de outubro de 2016

O arco da vella (III)

Xa temos case todo listo para a gravación de mañá: andamos cos últimos ensaios e ultimando a decoración. Que nervios!


mércores, 26 de outubro de 2016

Hai alguén aí?

Estaría ben que isto deixase de ser un simple monólogo para convertirse nun "biólogo"...
[Para os maiores, se non sabedes de onde vén o chiste, recoméndovos aos fantásticos Les Luthiers. As persoas miúdas da casa teredes que agardar uns anos para podelos entender.]

Gustaríame convidarvos a que comentedes o que queirades nas entradas do blog (as vosas impresións, gustos, críticas, suxestións...), tantos aos adultos como aos máis pequenos. E deste xeito enriquecer este (o noso) recuncho na Rede.

martes, 25 de outubro de 2016

Cada libro, unha aventura!

As nosas mochilas foron hoxe para a casa con máis peso do que viñeron pola mañá. A profe Angeles levounos á Biblioteca do colexio, onde puidemos escoller un libro para ler nas nosas casas. É un luxo poder gozar dunha biblioteca chea de libros, como a que temos no colexio, pero tamén unha responsabilidade: hai que ser moi coidadosos con eles, lelos con agarimo e traelos de volta o día indicado.
En principio, colleremos e devolveremos os libros os martes.

Así mesmo, non podo deixar de invitarvos a experimentar con outras bibliotecas que temos na cidade, como a Biblioteca Pública de Lugo (para saber máis pica aquí ou aquí). Cada libro, unha aventura!

Imaxe tomada de http://lectudm.weebly.com/

O arco da vella (II)

Lémbrovos que este venres gravaremos o recitado do poema de Manuel María "O arco da vella". Trátase dunha actividade voluntaria pero aqueles/as que queiran participar deberán ter as cinco estrofas aprendidas este xoves. Ánimo, que ha quedar moi chulo!


luns, 24 de outubro de 2016

A mochila viaxeira...

... inicia hoxe a súa viaxe na que percorrerá todas as nosas casas, enchéndoas de historias abraiantes, pequenos consellos e incluso algunha sorpresa que nos axudará a adozar o día.
A mochila sairá de viaxe cada luns e deberá estar de volta ao luns seguinte para que outra familia poida gozar dela. É moi importante que respectemos estes prazos e que coidemos moito o material que contén a mochila (son libros, discos ou películas que non nos pertencen; son de todos, de todos os nenos e nenas que xa os desfrutaron e de todos os que o farán no futuro). Sede coidadosos.
Na mochila tamén vai un caderno no que poderedes recoller as vosas impresións, comentarios, suxestións ou debuxos.





venres, 21 de outubro de 2016

A calma

"La calma es 
tranquila como los árboles,
ligera como una hoja al viento.

Cuando estás en calma, respiras
lenta y profundamente.
Te sientes en paz."

Pois iso, que hoxe é venres e comeza a fin de semana. A relaxarse un pouco!


A imaxe e o texto son do libro "El monstruo de colores", de Anna Llenas, que hoxe trouxo Gisela para a Hora do conto e que nos serviu para falar das nosas emocións e da importancia de coñecelas ben para poder "xestionalas".

xoves, 20 de outubro de 2016

A web do colexio

Aínda non coñeces a páxina web do colexio? Non deixes de pasar por ela. Alí poderás atopar moita información sobre o colexio e as súas actividades e manterte ao tanto das últimas novidades.

http://www.ceipmenendezpelayo.es/
Picha na imaxe para acceder.

mércores, 19 de outubro de 2016

O libro favorito de Álvaro

No día de hoxe, Noa López trouxo ao cole un libro para ensinarnos.
Aos maiores, abóndavos só con esta imaxe para saber de cal se trata?


O Principiño (efectivamente). É unha obra mestra da literatura (xa non infantil senón, ao meu ver) universal. Recoméndovos encarecidamente a súa lectura, tanto aos adultos como aos nenos/as: é un deses textos marabillosos que con 6 anos aprenderache unhas cousas, con 15, outras e con 30 ou 40, outras distintas. Animádevos a botarlle unha ollada!

martes, 18 de outubro de 2016

Cousas que dan medo

Esta mañá, á volta do recreo, limos un historia sobre Antón -un neno que dicía que non lle tiña medo a nada-, despois falamos sobre aquelas cousas que nos dan medo e compartimos os nosos trucos para minimizar os seus efectos.
E as pantasmas a que lle terán medo? Pois a pantasma desta poesía, a manchar as súas roupas.

Do caderno de Gisela

luns, 17 de outubro de 2016

Todo un acontecemento


Hoxe, ao chegar pola mañá, todas as mesas estaban cambiadas de sitio. A pantasma que ás veces acende e apaga as luces debeu estar carrexando mobles toda a fin de semana. Ao principio quedamos un pouco sorprendidos/as pero ao longo do día xa nos fomos afacendo. En fin, todo un acontecemento.
Esta nova distribución, que substitúe a anterior en forma de "O", permitiranos unha mellor comunicación entre compañeiros/as e libera espazo na clase para a asemblea e a biblioteca de aula, pero tamén nos vai esixir máis concentración, posto que teremos ao lado máis amigas/os coas que poder enredar. Se non funciona, haberá que poñer de novo á pantasma a facer horas extras. Seguiremos informando.

venres, 14 de outubro de 2016

Veeeeeeeeeeeeeeenres!

Pasade unha boa finde, descansade, xogade e non vos esquezades de ler un pouquiño.


xoves, 13 de outubro de 2016

La foca

Una linda foca negra
capturada a traición
la trajeron desde el Polo
hasta España en avión.

Su mamá, que la quería,
enfadada cruzó el mar
y encontrose con un oso
muy peludo y barrigón.

Foto: Dennis Beek / EFE

luns, 10 de outubro de 2016

Un imán e un cogomelo

Na Asemblea de hoxe, Tomé falounos das "máxicas" propiedades dun imán do vello motor dun coche. Pola súa banda, Marco trouxo á aula un cogomelo que foi recoller onte coa súa familia. Tratábase dun boletus edulis, que é un fungo comestible; aínda que moitos dos presentes confesaron non ter comido nunca un cogomelo (nin sequera un triste champiñón!). Familias animádevos a unhas xornadas gastronómicas dos cogomelos nas vosas casas! Ummmm!

venres, 23 de setembro de 2016

O arco da vella

Hoxe lembramos a Manuel María, autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas e do que xa nos falaran o curso pasado. Achegámonos a unhas estrofas do seu poema O Arco da vella: límolas, explicámolas, copiámolas, debuxámolas e algún valente ata se atreveu a aprendelas de memoria.
Habemos volver máis veces ao marabilloso libro dos Soños na gaiola que o Manuel escribiu pensando nas nenas e nos nenos. Recomendámosvos a súa lectura.
Aquí tedes o arco da vella de Raúl cos seus sete "colores"



mércores, 21 de setembro de 2016

Castañas

Á sombra do castiñeiro
dá gusto parrafear:
ten a folliña miúda,
non deixa entrar o luar.





Chega o outono e, con el, as castañas. Hoxe Tomé trouxo unha presada delas. Puidemos ver como é a castaña e como o castiñeiro trata de protexer as súas sementes cun ourizo cheíño de espiñas.

martes, 20 de setembro de 2016

Unha de mosquitos

Esta mañá, ao chegar á aula, atopamos no chan o corpo dun mosquito que decidira vir acabar os seus días entre nós. Esta "visita" inesperada serviunos para coñecer mellor a anatomía destes animais que, ás veces, nos atacan polas noites; e tamén nos lembrou a historia do Mosquito Federico que leramos días atrás.



Ollade que ben lle quedou a Antón o seu mosquito.

martes, 13 de setembro de 2016

Impresionámonos cos impresionistas!

Baixo este título agáchase o proxecto deste curso da biblioteca do colexio. Dende todas as aulas iremos coñecendo un pouquiño máis desta escola pictórica. Nós xa empezamos cun pequeno mural. Para saber máis, pincha aquí.


Aproveitamos para presentarvos o blog da biblioteca e invitarvos a que deades unha volta por el.

luns, 12 de setembro de 2016