mércores, 30 de novembro de 2016

Brinca vai

Hoxe vai unha recomendación musical: o Brinca vai de Paco Nogueiras. Velaquí un exemplo das pezas deste marchoso disco:
https://youtu.be/F1e0wAcXcgw

martes, 29 de novembro de 2016

Cuando nace un monstruo

Xa hai tempo que na Hora do conto limos Cuando nace un monstruo. Dende ese día é un dos nosos libros favoritos da biblioteca de aula. Hoxe tivemos que debuxar despois de ler e Adrián e Antón decantáronse por este libriño. Xente artista!

luns, 28 de novembro de 2016

Aula libre de ruído (IV)

As cadeiras da nosa aula son tan fachendosas que puxeron zapatos. Así, ademais de estar máis elegantes han facer menos barullo.
Hoxe tamén estivemos falando de que a botella de silencio, o señor Semáforo e os zapatos das cadeiras, se ben axudan, non servirán para acabar co ruído da aula se nós non poñemos todo da nosa parte.

venres, 25 de novembro de 2016

Os alimentos

Tiñamos pendente de facer un mural sobre os grupos de alimentos, explicados no tema anterior. Hoxe foi o día de facelo. Ollade que ben quedou!

xoves, 24 de novembro de 2016

Somos albaneis (III)

Entre todas e todos chegamos hoxe á seguinte definición: un plano é un debuxo que serve para planificar a construción dunha casa e que está feito de tal xeito que parece que alguén lle tivera quitado o lousado á casa e mirase dende enriba.
Así é como Tania fixo a distribución dos mobles na súa "casa".

mércores, 23 de novembro de 2016

Somos albaneis (II)

Hoxe seguimos coas clases de arquitectura, con resultados... dispares. 😄

O primeiro paso foi pintar.
Logo recortar, dobrar e pegar.
E por último "arranxar a finca". Aquí, a de Paula.
Aquí, a de Marco.

martes, 22 de novembro de 2016

Aula libre de ruído (III)

A última medida que implementaremos para atallar o ruído na clase ten que ver con iso que tedes na foto. O como, nos vindeiros días...

luns, 21 de novembro de 2016

Somos albaneis

Hoxe estivemos aprendendo moitas cousas sobre os distintos tipos de casas, logo debuxámolas e, por último, puxémonos mans á obra (literalmente).


Debuxo de Antón
Noa López e Nahia "man a man".
A cidade de Kirian
As casas unifamiliares e de pisos de Lúa e Raúl

venres, 18 de novembro de 2016

Frisbee!

Levamos un par de días practicando con estes discos tolos e xa lles imos collendo o xeito.
(PD.: Hoxe o sr. Semáforo enfadouse algo menos. Seguimos traballando.).

xoves, 17 de novembro de 2016

Castañas

O frío vai chegando e xa apetece meterse tras da cociña e comer unha presada de castañas. Xa as probastes este ano?

mércores, 16 de novembro de 2016

Aula libre de ruído (II)

Ao señor Semáforo non lle gusta nada o ruído, cando o hai pónse vermello e soa enfadado. Pero o señor Semáforo non é máxico (non fai desaparecer o ruído), é só unha axuda para aprendernos a coidar o silencio da aula.
Hoxe xa se enfadou connosco unhas cantas veces porque berramos demasiado.
Seguimos traballando para que a nosa sexa unha aula libre de ruído.

martes, 15 de novembro de 2016

O galo canta

Temos esta canción moi abandonada: a ver se mañá nos dá tempo a darlle unha volta. Afinade esas gorxas!
(Esta versión é algo distinta da que cantamos na clase, pero ben nos vale para repasar).

luns, 14 de novembro de 2016

Xente deportista

Hoxe, Xoel trouxo á asemblea a mochila, a camiseta e un foco moi guai (como o dos mineiros) que lle deron nunha carreira nocturna na que participou esta fin de semana. Ademais, explicounos moi ben toda a experiencia.
Dan ganas de ir á próxima. Como mola esta xente deportista!
[imaxe tomada de lavozdegalicia.es]

venres, 11 de novembro de 2016

Aula libre de ruído (I)

Queridas familias, temos que comunicarvos unha nova importante: na nosa aula hai contaminación!
É un tipo de contaminación que non se ve, nin se cheira, nin se toca; pero que nos afecta igualmente. Estamos a falar da contaminación acústica.
Na nosa aula temos moito ruído, moitísimo ruído, demasiado ruído. O ruído afecta á nosa saúde e ao noso rendemento escolar, dificulta a concentración, pónnos nerviosos/as, impide a comunicación, complica a transmisión de coñecementos e un longuísimo etcétera. Algún ruído provén de axentes externos (as sillas e as mesas, o ordenador e o canón...) pero a maioría é producido por nós mesmos.
Na nosa aula en non poucas ocasións superamos os 70dBa que a OMS considera como límite de ruído aceptable para a nosa saúde. [imaxe estraída de http://abogadodelruido.com]
Aínda que ao longo destes meses fomos facendo cambios e a situación mellorou moito, aínda nos queda moito camiño por andar: temos que aprender a traballar en silencio, a falar baixiño (sempre: cando traballamos, cando pintamos, cando lemos e tamén cando xogamos), a non berrar... e temos que facelo todos (o profe e as nenas e os nenos).
Ademais, iremos implementando unha serie de medidas que nos han axudar a lograr o noso obxectivo: poder pendurar da nosa aula o cartel de "Aula libre de ruído". É un obxectivo ambicioso pero abofé que entre todos/as habémolo conseguir.
En primeiro lugar, falareivos hoxe da "botella do silencio" que levamos uns días empregando e que substitúe as palabras (ou berros) do profe para pedir silencio. Pero a botella só funciona se todos/as lle facemos caso.

[imaxe tomada de pinterest.com]

Se alguén quere saber máis sobre estes temas:
E xa por último unha recomendación máis lúdica para a fin de semana:
Para os/as peques, o profe ás veces séntese como o pobre de Pato: https://www.youtube.com/watch?v=edjjWjGzWsc
Para os/as maiores, sobre outros ruídos que tamén nos impiden oír: https://www.youtube.com/watch?v=McISKf4OANM 

Desculpade polo texto tan longo, pero o tema paréceme importante. Vémonos o luns! Descansade, xogade (e lede un pouquiño cada día).

xoves, 10 de novembro de 2016

Misterio resolto! (en parte)

Hoxe puxémonos pinceis á obra e pintamos dous vasos de iogur (un de azul e outro de vermello) e tamén 20 pauciños de xeado.
Pero, resolto un misterio, aparece outro: resulta que todo isto ímolo empregar en clase de mates. Pero... para que?
PD: as lavadoras dalgunha casa hoxe han botar faíscas: a dura vida do artista... 😅





mércores, 9 de novembro de 2016

Misterio misterioso

Que lle pasou ás nosas mesas?
Que irá a acontecer mañá no cole?
...
Só vos darei unha pista: ten algo que ver cos vasos de iogur.
Ata mañá!

martes, 8 de novembro de 2016

As tarefas da aula

Pouco a pouco imos organizando o funcionamento da nosa aula. Xa hai unhas semanas que distribuímos responsabilidades como repartir os libros, colocar a biblioteca, axudar a manter o silencio, etc.
Ao longo do curso, todas e todos iremos desenvolvendo as distintas tarefas; así gañaremos en autonomía e responsabilidade.
A clase facémola entre todos/as!

luns, 7 de novembro de 2016

O xersei está triste

Porque ninguén o quere,
porque ninguén o reclama,
porque leva máis dun mes colgado
e ninguén chama por el,
porque por máis que Álvaro pregunta
ninguén o quere levar para casa.

Se coñecedes á súa dona, decídelle que a bota moito de menos.
Por sorte, hai un paraugas que lle fai compaña, que leva case tanto tempo na clase coma el (e que tamén chora pola súa propietaria).

venres, 4 de novembro de 2016

O sasafrán, o outono, un circuíto e a fin de semana

O outono -ademais das feras castañas cos seus ourizos, das doces laranxas ou das arrepiantes cabazas- tamén trae consigo as fermosas e delicadas flores do azafrán bravo (Crocus serotinus), planta da familia de esoutra que empregamos para colorear e aromatizar os nosos guisos e arroces.
Tomé trouxo hoxe á asemblea unhas cantas flores que recolleu onte nun paseo polo monte que deu coa súa familia, e explicounos que cada planta só ten uns poucos filamentos polo que farían falta decenas para a comida dun só día. Canto traballo!


Ademais hoxe xa puxemos a mesa de calco a máxima produción e fixemos un circuíto en Educación Física que nos gustou moito. E xa é venres e mañá non temos que vir ao cole. A descansar! (Lede un pouquiño cada día).

xoves, 3 de novembro de 2016

Argalladas




A caixa de area e a mesa de calco son divertidas, pero tamén educativas. Permítennos debuxar, escribir, imaxinar, experimentar, etc. Hannos servir para mellorar a motricidade fina, a caligrafía, a creatividade, a paciencia, etc.

mércores, 2 de novembro de 2016

O arco da vella (IV)

Velaquí tedes o resultado. Bravo, artistas!



E non deixedes de pasar polo blog do EDLG do colexio (para acceder, aquí).

martes, 1 de novembro de 2016

Que será?

Unha sorpresa agarda mañá por vós no cole. Xa case está lista. Que será?