xoves, 2 de marzo de 2017

Á volta do entroido

A volta do Entroido trouxo á aula mil historias para compartir: disfraces, viaxes, actividades... pero a primeira sorpresa foi ver como a maioría das nosas plantas decidiran, mentras nós estabamos de vacacións, erguerse da terra e xermolar vigorosas. Xa estamos ansiosos por levalas para a casa e por iso rematamos o día moldeando plantas e árbores de plastilina.
Tomé cumpriu co seu encargo e trouxo unha fermosa presentación con fotografías que el e a súa familia tiraron na súa viaxe por algún dos entroidos máis senlleiros de Galicia. Así, soubemos dos peliqueiros de Laza, dos cigarróns de Verín, das pantallas de Xinzo ou dos boteiros de Viana.
Son unha pequenísima parte dunha longa lista de vilas e aldeas galegas nas que se conservan personaxes propias do entroido que afunden o seu nacemento na noite dos tempos: ademais dos xa citados, poderiamos falar dos felos de Maceda, os vergalleiros de Sarreaus, as mázcaras de Manzaneda, os volantes de Chantada, os lambardeiros de Mugares, os zarramoncalleiros de Cualedro, os troteiros de Bande, os charrúas de Allariz, os irrios de Castro Caldelas, os murrieiros da Teixeira, as bonitas de Sande, os vellarróns de Riós, os galos da Mezquita, os xenerais da Ulla, os galáns e as madamas de Cobres, os madamitos de Cerqueda, os merdeiros de Vigo, os choqueiros da Coruña, a pita de Eiroás, o oso de Salcedo, o loro Ravachol de Pontevedra, e un longuísimo etcétera. Seguro que outros moitos desapareceron, estes sobreviviron ao paso dos anos e ás máis diversas prohibicións e algúns están en proceso de recuperación. Temos ante nós outro rico filón da nosa cultura.

Boteiro (Viana do Bolo)
Cigarróns defilando por unha rúa de Verín
Pantalla (Xinzo de Limia)
Ademais das fotos, Tomé trouxo á aula unhas vexigas como as que usan as pantallas. Logo vimos un pequeno vídeo sobre como se fabrican.
Peliqueiros correndo pola praza da Picota de Laza.
Todas e todos coincidimos en que as nosas carautas danse un aire coas dos entroidos tradicionais que coñecimos.






1 comentario:

  1. LIBRO DO TALADRO: 80, 81, 82, 83, 84 e 85.
    (Hoxe levan o LIBRO DO TALADRO).
    Lembrádevos tamén da poesía, que xa temos que ir sabendo enteira. Non vos despistedes!

    ResponderEliminar